MAIS CANTOS

Un programa de dinamización sociocomunitaria a través do canto popular, tradicional e de taberna da que xa formamos parte case un cento de personas.

Máis Cantos artéllase en forma de ensaios permanentes en Marín, Pontevedra e Lourido impartidos polo mestre de canto Nelson Quinteiro, armadanzas e facilitador desta aventura.

Ao longo do ano organizamos cantadas colectivas, encontros e festas nas que as cantigas de sempre serven como un punto de unión, convivencia e moita diversión.

Un novo xeito de desfrutar da música popular, coñecer xente, divertirse e pasalo ben participando nunha "experiencia de vibración conxunta" que xa ten pasado polas prazas de Rianxo, Pontevedra, Sanxenxo, Portonovo, A Coruña, Combarro, Poio, Moaña, Marín...

Anímate a formar parte desta grande familia! Ensaiamos todos os luns en Lourido (Poio) e Marín, e os xoves en Pontevedra (Centro Sur, Salcedo).

Vén cantar connosco! Cada día somos máis!

Mais Cantos é unha proposta que ofrece unha nova forma de desfrutar dos cantos tradicionais, populares e de taberna e de reivindicar a nosa língua e cultura popular.

Unha proposta destinada a desfrutar da nosa música popular e tradicional para a que botamos man de artistas convidados en cada ocasión, xunta o acordeonista David Álvarez Caneda e máis de 50 gorxas dos grupos "Mais Cantos" de Marín, Pontevedra e Lourido baixo a batuta do mestre de canto e showman Nelson Quinteiro.

O Rodaballo, De Marín a Portonovo, Teño un amor en Rianxo, Fisterra, O Miudiño, Os Mariñeiros, Vivir na Coruña que bonito é ou San Benitiño entre moitísimas outras forman un repertorio alegre, con enerxía e vibrante que consigue armar unha auténtica festa.

Somos artífices dunha experiencia que xa levamos posto en escena con moitísimo éxito en propostas como os Festivais "O Bosque de Nadal" en Pontevedra, "Pequeno Circo de Nadal" en Rianxo", "Pequeno Circo de Entroido" na Praza de María Pita da Coruña 2018 (en videoclip), Festa da Raia en Portonovo, Festas de San Xoán de Poio, Festas do Carmen de Moaña, Festas do Mexilón en Combarro, Festas de Sanxenxo e Santa Rosalía ou "Nadal ao Noso Xeito" en Rianxo. A Experiencia Mais Cantos non somos un coro. Nen unha comparsa. Nen un orfeón. Nen ofrecemos un concerto.

Mais Cantos convida a vivir unha experiencia de vibración conxunta, para o que aproveitamos as dotes de showman do noso mestre de canto, Nelson Quinteiro, e mais dos músicos e músicas que nos acompañan para ofrecerlles un espectáculo ao vivo que podríamos encadrar como performance popular ou concerto didáctico.

O obxectivo é armar unha boa festa, e ¡vaia se o conseguimos!, convidando a todas e todos, maiores e pequenos a cantar as cancións de sobra coñecidas por todas, a vivir unha festa que bota man do noso rico patrimonio inmaterial, lingua e cultura galegas.

A Experiencia Mais Cantos! é unha actividade a realizar en prazas ou espazos emblemáticos. En caso de choiva pódese realizar en carpas ou espazos cubertos.

A actividade é plenamente autónoma. A organización aporta equipo de son de 1600 w e microfonía ad hoc. Simplemente precisamos toma de corrente de 220 v nos espazos a desenvolver a actividade e permiso de circulación e estacionamento para dúas furgonetas e un autobus.

No caso de prazas de calado ou actos moi masivos de máis de 1000 persoas recomendamos un equipo de son de 4000 w-8000 w e escenario para a sección musical.

A "Experiencia Mais Cantos" artéllase como un contido artístico de máis de tres horas de duración e que comeza cunha clase interactiva de canto da man de Nelson Quinteiro, quen bota man da súa experiencia como showman e cabareteiro para convertir ao público en parte do coro popular.

A continuación ofrécese un concerto musical a cargo da nosa charanga para animar ao público.

O remate e a guinda do pastel será coa cantada masiva dun repertorio popular de 12 a 20 temas para os cales distribuímos as letras entre o público e convidamos a todas e todos a cartar connosco.

Imaxinación ao poder!. A Experiencia Mais Cantos pode ser itinerante, praza por praza; pódese comezar en formato pasarrúas, pode estirarse, acortarse, interrumpirse, ser o arroupo doutras actividades ou adaptarse ao gusto e necesidades da festa en cuestión.

Pódese acompañar de xigantes ou cabezudos, de fogueteiros, podemos caracterizarnos para a ocasión ou facer un repertorio específico para a ocasión. Témolo feito! Pide por esa boquiña!!!

MAIS CANTOS Tarde dos Pepes e das Pepitas en Marín

MAIS CANTOS COMBARRO

MAIS CANTOS SANXENXO

MAIS CANTOS MOAÑA

MAIS CANTOS POIO

MAIS CANTOS FESTA DA RAIA PORTONOVO

Contacto e contratacións: Nelson Quinteiro nelson.quinteiro@gmail.com TL.:647 647 404
Fotógrafo oficial: Bruno Rodríguez "Brod a Secas"